sábado, 7 de xuño de 2025

AULA SENSORIAL E AULA POLOS

 Puíñas informa…! 

O noso recuncho de BiblioCreativa está cheíño e, como non colle todo na biblio, tamén se espalla polos recunchos do cole! Un deses espazos tan especiais é a nosa Aula Sensorial, onde os nenos e nenas descubren, exploran e aprenden a través dos sentidos. Texturas, luces, sons... un mundo de experiencias que fan que o aprendizaxe sexa inesquecible!

E por se fora pouco… tamén temos a aula de polos, outro lugar creativo onde a imaxinación medra sen parar!

Aquí vos deixamos unha pequena mostra en imaxes, da aula sensorial e da miña imaxe feita en polos, especificamente coa impresora 3D, que guapo quedei!! Neste cole a creatividade non ten paredes 








xoves, 5 de xuño de 2025

PROGRAMA OBSERVACIÓN

O noso profesorado está inmerso no Programa Observación, un espazo de formación onde aprenden novas técnicas para ensinar do mellor xeito posible ao noso alumnado.

Este programa axúdanos a compartir experiencias, observar prácticas e medrar xuntos, sempre coa mirada posta en ofrecer unha educación de calidade, feita con moito cariño. Deixovos un enlace:

PROGRAMA OBSERVACIÓN

 

mércores, 4 de xuño de 2025

UNHA VIAXE FASCINANTE POLO CEREBRO CO PROXECTO COMPETENCIAL

O alumnado participante no Proxecto Competencial traballou arreo investigando sobre o cerebro e a súa evolución dende a Prehistoria ata a actualidade. Compararon como era naquel tempo e como é agora, descubrindo datos ben curiosos!

Non só aprenderon moitísimo, senón que elaboraron materiais chulísimos: representacións creativas da información, un Genially con retos para resolver e unha presentación en Canva que recolle todo o aprendido.

Case todos os venres viñan a visitarme á BiblioPuíñas… e que ledicia ver tanto entusiasmo e ganas de aprender!

Puíñas, co cerebro cheo de curiosidade 

luns, 2 de xuño de 2025

ENCONTROS INTERXENERACIONAIS

 Na nosa biblioteca, adoramos compartir momentos, e que mellor que facelo xuntos, maiores e pequenos?

Nesta ocasión, fomos visitar a Casa do Maior do concello para levarlles un contiño moi especial. Pero non foi só ler, non... fixemos unha pequena representación teatral titulada "Misterio no museo". Facendo fincapé na temática da biblioteca, o teatro.

O alumnado e as persoas maiores disfrutaron a tope desta experiencia chea de risas e emocións, demostrando que o teatro e a lectura unen xeracións.

VISITA A CASA DO MAIOR

 Puíñas 

mércores, 28 de maio de 2025

OBRADOIRO DE PREHISTORIA!

 De novo a nosa Biblio Creativa puxo as súas rodas en marcha para organizar un obradoiro moi especial por diferentes espazos no cole, unha actividade intercursos relacionado co noso PDI.

Decoraramos a nosa marabillosa cova creando as nosas propias pinturas, simulando esas ancestrais obras de arte que tanto nos fascinan. Fixemos cadros verdadeiramente fermosos!

Pero non quedamos aí: tamén creamos petróglifos con cola e elaboramos fósiles con escaiola. Uns verdadeiros artistas descubrindo novos materiais e dando vida á prehistoria con moita creatividade.

E, claro, mentres xogamos e creamos, seguimos aprendendo do noso PDI e da historia que temos tan preto de nós.

Pinchade na foto e veredes...



Un día cheo de cores, texturas e aprendizaxes! 

CONTACONTOS CON ANA CARREIRA (BIBLIOTECA MUNICIPAL E O PROGRAMA LER CONTA MOITO)

Como xa vos contei, temos a gran sorte de contar neste concello cunha biblioteca municipal moi activa, onde a nosa querida bibliotecaria sempre inclúe ao alumnado do centro en todas as actividades posibles. Nós, como centro, participamos encantados e animamos aos nenos e nenas a formar parte dos clubs de lectura que se organizan alí.

E o mellor: a biblioteca está xusto ao carón do cole! Así que, cando se presenta a oportunidade, non dubidamos en ir de visita.

De novo convidáronnos a participar no "Programa Ler Conta Moito", programa que achega os nenos o mundo literario a través da rede de Bibliotecas da Xunta de Galicia e o Concello de Antas de Ulla, que non só quere fomentar o hábito lector, senón tamén fortalecer as bibliotecas como lugares abertos, participativos e de encontro.

Hoxe, o alumnado desfrutou dunha fermosa hora de contacontos con Ana Carreira. Grazas, coma sempre, a Teresa por facer posible estes marabillosos momentos ao redor dos libros. 

Non hai nada mellor que compartir historias e facer crecer o hábito lector!




Puíñas, o voso lector favorito 

KAHOOT NAS LETRAS GALEGAS!

 Puíñas convida a compartir! 🦔

Na nosa querida Bibliopuíñas tamén nos gusta facer actividades con outros coles, porque compartindo… aprendemos moito máis!

Este ano, grazas ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega, celebramos o Día das Letras Galegas 2025 dun xeito moi especial: cun divertido e educativo Kahoot en colaboración co CEIP Plurilingüe Xoán de Requeixo de Chantada.

Risas, emoción e moito saber! Aprendemos xuntos/as e, por suposto… pasámolo en grande!





xoves, 22 de maio de 2025

FORMACIÓN DE USUARIOS BIBLIOPUÍÑAS

 Aprender para ensinar!

En Bibliopuíñas non paramos!

Estes días estivemos a tope coa formación no uso da nosa biblio. Primeiro, puxémonos mans á obra para organizar todos os libros por temáticas, pegando pegatinas identificativas nas estanterías… ,e tamén nos propios libros! Así, cada exemplar leva a súa etiqueta co lugar exacto onde debe estar, para que todo estea ben ordenadiño e sexa máis fácil coller e devolver.

Cando o alumnado baixa a investigar ou facer algún traballiño… xa sabe perfectamente onde atopar o que necesita (e tamén onde devolvelo).

Pero iso non é todo! Un dos grupos formouse con moito interese para ensinar aos máis pequenos e pequenas, preparando unha das nosas queridas actividades intercursos. Canta ilusión ao ver como disfrutan aprendendo… e compartindo!



luns, 19 de maio de 2025

II ROTEIRO LITERARIO (VISITA OS PETRÓGLIFOS NA COMPAÑÍA DE PATRICIA COUCHEIRO)

 Amiguiños e amiguiñas, incluíndo nas actividades da biblio o proxecto de vida activa e deportiva, celebramos con moita ilusión o II Roteiro Literario, unha xornada inesquecible onde mesturamos natureza, compañeirismo, música e historia.

Saímos dende A Somoza, percorremos unha fermosa ruta a pé e visitamos os petróglifos do Chan da Gurgulla e da Laxe Ferrada, auténticos tesouros que nos lembran a pegada do pasado… e que están moi preto de nós!

Tivemos a sorte de contar coa participación dunha familia, que compartiu co profesorado o seu saber sobre estes lugares. E, coma sempre, os mestres e mestras puxéronse mans á obra para transmitirlle ao alumnado todo ese coñecemento, convertendo a saída nunha verdadeira viaxe ao pasado, conectada co noso Proxecto Documental Integrado (PDI).

E como non podía faltar… tamén houbo música, celebrando o día das letras galegas! Rendemos homenaxe ás Cantareiras, da man da nosa veciña Patricia Coucheiro, que nos fixo vibrar co poder da tradición oral, a cal tamén acompañamos cantando nunha canción que previamente ela nos fixera chegar. 

Unha xornada chea de aprendizaxes e emocións. Grazas a todas as persoas que a fixeron posible.






Ata a próxima aventura!

Puíñas, sempre entre libros, pasos e apertas 

domingo, 18 de maio de 2025

HISTORIA COLECTIVA

 

Por grupos elaborouse unha historia colectiva na biblioteca empregando o papel continuo situado na zona creativa do fondo da grada. O alumnado ía por turnos debuxando segundo a imaxinación do momento sen unha temática determinada, dándolle continuidade ao que facía o compañeiro anterior. Logo, cando o debuxo estaba rematado, foise creando unha historia en gran grupo de xeito oral, que posteriormente en pequenos grupos remataron de modelar. Todos participaron nun proceso creativo, aproveitando a diversidade de experiencias fomentando o debate e enriquecendo a historia.

 


luns, 5 de maio de 2025

HOXE... MERCAMOS LIBROS ENTRE TODOS!

Hoxe... mercamos libros entre todos!

Dende Bibliopuíñas estamos convencidos de que unha boa biblioteca faise con participación, e quen mellor que o noso alumnado para axudarnos a escoller os novos libros?

Esta mañá o hall do cole encheuse de cores e letras cunha exposición impresionante de libros, grazas á colaboración dun libreiro que nos achegou unha morea de propostas lectoras.

E quen foron os verdadeiros protagonistas? Pois si, os nenos e nenas do centro, que tiveron a oportunidade de ver, tocar, comentar e, sobre todo, recomendar os títulos que máis lles chamaron a atención. Foron pasando por grupos, compartindo opinións e explicando os seus gustos ao equipo directivo e á coordinadora da biblioteca, que tomaron boa nota de todo.

 Agora tocaranos facer unha pequena selección e así encher os andeis da nosa biblio con libros que realmente interesan e motivan ao noso alumnado.

Ata a próxima,

Puíñas. 

IDEAS PARA O NOSO PDI 2025/2026

  Que ganas teño de volver ver remexer por aquí a todo o alumnado despois deste verán! Xa vos boto en falta polos recunchos dá biblioteca… ...